Thursday 09 de May de 2024

A Xunta xa pagou máis da metade do orzamento do II Plan de Rescate por valor de case 40M€


O Goberno galego recibiu máis de 41.000 peticións a estas axudas dirixidas a persoas traballadoras autónomas, microempresas e negocios de hostalería e outras actividades pechadas polas restricións da pandemia

A Xunta mantén o seu compromiso no apoio aos sectores máis afectados pola pandemia a través do II Plan de Rescate para autónomos e microempresas, así como negocios da hostalería e outras actividades pechadas polas restricións para controlar o virus. O Goberno galego ten recibido máis de 41.000 solicitudes á segunda convocatoria deste plan, das que xa se abonaron axudas por valor de 39,3 millóns de euros, máis da metade dos 75 millóns de orzamento.

O vicepresidente primeiro da Xunta, Alfonso Rueda; o conselleiro de Sanidade, Julio García Comesaña, e a conselleira de Emprego e Igualdade, María Jesús Lorenzana, mantiveron hoxe un novo encontro con representantes dos hostaleiros no marco da colaboración e diálogo co sector desde o inicio da pandemia.

Alfonso Rueda destacou que se trata de “axudas directas moi necesarias que é fundamental aboar coa máxima axilidade” e lembrou que o Goberno galego xa mobilizou en catro meses, a través das dúas convocatorias dos plans de rescate, máis de 160 millóns de euros. A Xunta xa traballa ademais na activación, o antes posible, dun terceiro Plan para poder tramitalo en canto o Goberno central decida transferir os seus fondos ás comunidades, que son as encargadas de distribuílos.
Por iso, lamentou que o Executivo estatal estableza criterios inxustos e arbitrarios para o reparto das axudas que non teñen que ver co fin de dotar liquidez a autónomos e empresas. Deste xeito, Galicia tería que recibir polo menos 340 millóns de euros, no canto dos 234 millóns previstos, se se tivesen en conta o número de autónomos e empresas de cada comunidade, tal e como demanda o colectivo.
Tamén reclamou maior axilidade na transferencia das axudas estatais ás comunidades, para que a Xunta poida simplificar a súa tramitación, na marxe que deixa o Estado, co obxectivo de que cheguen o antes posibles aos sectores afectados.